Semana Cultural. Outra de detectives

A que se considera iniciadora do xénero detectivesco na literatura galega é Crime en Compostela, novela de Carlos González Reigosa, publicada en 1984. Conseguiu o 1º premio Xerais de novela. É a primeira entrega da saga do detective Nirvardo Castro xunto co xornalista Carlos Conde. 

Nos últimos anos este xénero foi especialmente fecundo. Poderíase citar a un bo número de autores cultivadores deste xénero pero centrarémonos en dous.

Domingo Villar é o autor da exitosa triloxía que ten como protagonista ao inspector Leo Caldas. Despois do éxito de “Ollos de auga (2006) e “A praia dos afogados” (2009), “O último barco” completa a triloxía, con miles de exemplares vendidos e traducidos a varios idiomas.

Os fillos do mar, primeira novela de Pedro Feijoo, supuxo todo un fenómeno literario en Galicia.

Semana Cultural. Unha de detectives

O primeiro detective da literatura é Auguste Dupin que naceu da pluma de Edgar Allan Poe (1809-1930), no seu relato Os crimes da rúa Morgue, a mediados do século XIX. 

Pero van ser Arthur Conan Doyle (1859-1930) e, por suposto, Agatha Christie (1890-1976) os que darán á novela policial a forza que aínda hoxe ten.

              

Imaxes da exposición sobre Agatha Christie na Semana Cultural

Curiosidades que aparecen nos libros

 

Sabías que o ‘coronavirus’ xa aparecía nos cómics de Astérix e Obélix hai anos?

En Asterix en Italia os irredutibles galos que resistían aos romanos enfréntanse ao ‘Coronavirus’ nunha carreira de cuádrigas. O seu inimigo é un personaxe enmascarado que termina por sufrir un accidente a escasos metros da meta, perdendo a carreira contra os galos. Ao arrincar a máscara, tras ela escóndese un Xulio César ansioso por facerse co triunfo.

O que non é verdade, aínda que se ten dito, é que predicisen a epidemia actual.

A literatura, bálsamo de inquedanzas…

Dicía o escritor italiano Italo Calvino que os libros clásicos eran aqueles que nunca acababan de dicir aquelo que tiñan que dicir e aos que se volvía sempre nunha relectura que, en realidade, acababa sendo unha lectura de descubrimento coma a primeira. Cando os lemos de novos -ás veces sen entendelos moi ben- imos collendo con eles unha experiencia formativa, pois ofrecen modelos, contidos, valores ou termos de comparación que nos van acompañar continuamente ao longo da nosa vida e que seguen actuando moitos anos máis tarde, cando nos parece que xa os tiñamos esquecidos, porque forman parte, en realidade, dos nosos mecanismos de pensamento.

Neste tempo de epidemia, de inquietude e axitación, cómpre a serenidade e a reflexión e parece un bo momento para rescatar da caixa da memoria o que nos ensinaron os libros. Esta vez hai que facelo cunha historia na que a literatura se anticipou á realidade, ou a realidade coincidiu coa literatura: na cidade alxerina de Orán, nos anos corenta do século pasado, esténdese unha pestilencia polas rúas da cidade; as autoridades vacilan, non saben que facer, pero acaban pechando a cidade e deixan aos seus habitantes enfrontados a unha existencia absurda, na soidade absoluta, sometidos á Administración e vítimas de quen manexa e manipula a información.

É a historia que conta Albert Camus en La peste (1947); baséase nuns feitos reais -unha epidemia de cólera- que tiveron lugar no norte de Alxeria na época da colonización francesa a mediados do século XIX e que resultan de perfecta actualidade. Vede este fragmento de exemplo:

«– Naturellement, vous savez ce que c’est, Rieux?
– J’attends le résultat des analyses.
– Moi, je le sais. Et je n’ai pas besoin d’analyses. J’ai fait une partie de ma carrière en Chine, et j’ai vu quelques cas à Paris, il y a une vingtaine d’années. Seulement, on n’a pas osé leur donner un nom, sur le moment… Et puis, comme disait un confrère : “C’est impossible, tout le monde sait qu’elle a disparu de l’Occident.” Oui, tout le monde le savait, sauf les morts. Allons, Rieux, vous savez aussi bien que moi ce que c’est…
– Oui, Castel, dit-il, c’est à peine croyable. Mais il semble bien que ce soit la peste.»

Un narrador neutro presenta a realidade abafante das rúas desertas cun humor corrosivo e existencial, con parábolas e visións enfrontadas dos personaxes que levan ao lector á reflexión sobre a maneira na que o home, como individuo e parte da sociedade, afronta o sufrimento.

É a ocasión de lela ou de relela. No orixinal mellor; pero tamén na excelente tradución de Xavier Senín e Isabel Soto que publicou en 2018 a editorial compostelá Hugin e Munin.

Semana Cultural. Roald Dahl

Ao día seguinte seguimos afondando na literatura de Roald Dahl, esta vez nas súas obras para os máis novos. Entre os seus libros máis populares están Charlie e a fábrica de chocolate, Matilda, Iago e o pexego xigante…

Moitas delas foron levadas ao cine e escollemos a versión que fixo Tim Burton de Charlie e a fábrica de chocolate para gozar desta historia.

 

Semana Cultural. Relatos Negros

Tivemos tamén a honra de que Manuel Manquiña viñese representar parte dun espectáculo seu baseado en textos de Roald Dahl.

Aínda que é recordado especialmente polas súas narracións para nenos e mozos, Roald Dahl escribiu numerosas obras para adultos, entre as que sobresae Relatos do inesperado, unha brillantísima colección de contos de intriga e humor negro. Manquiña representou algún deles para nós.

Semana Cultural. Revista Nós: relato dunha época

Este ano celébrase o centenario do primeiro número da Revista Nós. Varios alumnos de 2º de bacharelato fixeron de guías da exposición que con tal motivo se instalou na Sala de Estudo. Se ben o centenario da revista cultural Nós foi o motivo principal, o que se pretendía coa exposición era reflectir o intenso labor cultural que se levou a cabo nesa época en ámbitos diferentes: lingua, ensino, igrexa, arte, literatura, ciencia, cine, política, teatro…

Parabéns, rapaces!