O Xabarín cumpre 25 anos

Dentro das actividades do Mes das Letras quixemos celebrar o 25 aniversario do Xabarín Club, dado o seu innegable papel na normalización lingüística e na promoción do galego en ámbitos como a música ou a banda deseñada.  Fundamentalmente centrada na música estivo a charla que deu o actor Manuel Manquiña, que viviu en primeira persoa o nacemento e auxe do Clube.

Pero se o que queredes é ler e afondar sobre o que significou para varias xeracións recomendamos o número especial que a Revista Luzes publicou no mes de decembro pasado. Lembrar tamén que o pasado 11 de maio foille entregada a dita revista o Premio Xornalismo Cultural na Gala do Libro 2019.

 

 

Antonio Fraguas Letras Galegas 2019

Con motivo do Día das Letras Galegas desenvolvemos no Seminario múltipes actividades arredor da figura de Antonio Fraguas. Tivemos con nós a D. Clodio González, compañeiro seu, director do Museo do Pobo Galego e contounos, entre outras cousas, que o seu labor xirara fundamentalmente arredor da etnografía e da cultura popular en xeral. No que ten que ver coa literatura compilou lendas e cantigas e populares como a que aquí vos amosamos.

Amigo invisible

Os alumnos de 4º ESO ,  1º  e 2º de Bacharelato están estes días pensando en libros. Aceptaron participar nun xogo: despois de facer un sorteo, cada un debe mercar un libro a un compañeiro sen que este o saiba. Polo tanto, deben adicar un tempo a pensar cal é o libro acaído, cal lle pode gustar máis. Proximamente comprobaremos se acertamos

Mes das Letras

No Seminario Menor estamos inmersos no Mes das Letras. Do 23 de abril, Día do Libro ao 17 de maio, Día das Letras Galegas, moita da actividade do Centro xira en torno ao libro, a literatura e a normalización da lingua galega nun sentido amplo. Visitas a bibliotecas, xogos de pistas literarios, exposición de libros, de fotografías, o amigo invisible, os 25 anos do Xabarín, os 40 da revista Encrucillada… E tamén, como non, afondamos na figura homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas: Antón Fraguas.