Accès gratuit aux publications en français.

Ci-joint plusieurs liens pour les élèves de français, avec accès gratuit à des livres et publications qui peuvent être téléchargés gratuitement et dans différents formats.

– Bibliothèque Numérique TV5MONDE – Tous les auteurs: https://bibliothequenumerique.tv5monde.com/auteurs

– Bibliothèque Numérique Mondialle: https://www.wdl.org/fr/

“Viaxe ao centro da terra” . Julio Verne

A viaxe ao centro da terra de Julio Verne  é un libro de aventuras, ten unha trama moi simple e linguaxe complexa, cunha atmosfera bastante alegre, con algo de misterio e ata algo de suspense (misterio porque realmente non sabes o que van encontrar os personaxes no centro da Terra). Os personaxes  aínda que son planos teñen a súa pequena evolución ao longo da aventura, e non creo que cheguen a ser personaxes estereotipos.

A trama é narrada por un personaxe protagonista, o que é moi interesante xa que a historia vai contándose dende o seu punto de vista, cóntanse as súas dúbidas, as súas preocupacións, en si os seus pensamentos; o que axuda máis a empatizar co persoaxe e tamén cos persoaxes que acompaña.

A única pega que podo pórlle ao libro que sexa algo molesta é que o final é moi bonito, pero de dicir “todos viviron felices e comeron perdices”.

En si o libro é un clásico, non hai moito máis que poida dicir sobre el, é unha lectura boa para todas as idades (pero se o vai ler un neno pequeno, case que mellor sería buscarlle unha adaptación cunha linguaxe non tan especializada). É moi recomendable sobre todo para ser unha das primeiras lecturas máis serias de alguén, xa que é un libro ameno, sinxelo e non moi longo.

Un mundo sen libros?

Un bicho de merda –dispensada sexa a maneira de sinalar- fai acanear a armazón mesma do noso mundo, que tan sólido nos parecía: a saúde, que se perde ou se estraga, os dereitos e a liberdade, que vemos minguados ou recortados, a economía, que debuxa un panorama de preocupación e un futuro incerto… É coma se todo aquel catálogo de predicións que algunha vez lemos neses autores que algúns chamaron apocalípticos, e ás que non lles demos máis valor do que ten unha historia inventada, se fixesen agora realidade e puidesen ir aparecendo unha tras de outra.

E eu, pensando en que no día de hoxe celebramos tamén un dos piares esenciais da nosa civilización, cavilaba se sería posible unha sociedade sen libros. E seguramente que si. De feito, ao longo da historia o libro sempre foi un artefacto problemático: Platón non acababa de ver a utilidade que tiñan unhas follas escritas para transmitir o pensamento, e confiaba máis na memoria e na oralidade; na Idade Media os libros eran valiosísimos obxectos de luxo; os familiares e achegados de don Quixote queiman, no memorable episodio do “Donoso escrutinio”, os volumes que fixeran tolear ao seu amigo; Pepe Carvalho cociñaba os pratos máis exquisitos e delicados ás brasas dos volumes máis prezados da súa biblioteca… Pero os libros arden mal, xa o explicou ben O’Rivas.

Edición
Versión galega de Magdalena Fernández Pérez en Xerais

A historia que quero traer aquí hoxe é a dun mundo sen libros, a que imaxinou o escritor estadounidense Ray Bradbury en Fahrenheit 451. A esa temperatura, 451 ºF, inflámase o papel. E de aí arranca a historia: Guy Montag é un bombeiro que traballa queimando libros nunha sociedade na que están prohibidos. O Estado pensa que ler incita a xente a pensar, ao inconformismo e á rebeldía, e iso non trae outra cousa ca sufrimento, discordia e infelicidade. O Sabuxo Mecánico do Departamento de Incendios vixía permanentemente as avenidas dunha cidade chea de pantallas interactivas e rastrea as rúas polas que circulan cidadáns ocupados unicamente en escoitar as noticias oficiais e unha música insulsa a través duns auriculares que levan inseridos nas orellas. Apoiado por helicópteros e armado cunha xiringa hipodérmica de alta precisión, busca disidentes que agochen libros para aniquilalos. Pero un día Guy Montag coñece a Clarisse, unha rapaza de dezanove anos, rebelde e antisocial, e a historia vira o seu rumbo…

Ray Bradbury

Ray Bradbury, que morreu en 2012, escribiu este libro en 1953. A súa visión profética naceu na era McCarthy, cando a persecución política indiscriminada, os procesos irregulares, a censura e a queima de libros eran unha realidade nos Estados Unidos. Pero, salvadas as distancias, o argumento podería ser de perfecta actualidade… Podería selo?

A historia deu moito de si, e serviulle ao director de cine francés François Truffaut, un dos iniciadores da Nouvelle vague, para rodar en 1966 unha película -a única que fixo en inglés- co mesmo título da novela, da que deixo un enlace ao seu tráiler. E máis recentemente, no ano 2018, a cadea HBO tamén fixo unha adaptación da se pode ver aquí a súa presentación.

J M López Regueiro

Yo Julia , Y Julia retó a los Dioses

Estos son os libros que acabo de ler agora. É a historia  dunha  muller na Roma do século II, que loita, nun mundo onde as mulleres non pintan moito, para que o seu home Septimio Severo, chegue a Emperador de Roma, e para perpetuar unha dinastía.

É unha novela entretida porque mezcla todos os datos históricos da Roma antiga ( batallas, territorios..) con intrigas para acadar o poder.

O seu autor é Santiago Posteguillo, que recibiu o Premio Planeta en 2018 con Yo, Julia.

Sete Caveiras. Elena Gallego

A xornalista Marta Vilas vai paseando polo peirao do porto de Berbés, en Vigo, facendo unhas fotos, cando ve algo flotando na auga, fíxase ben e ve que é o corpo dun motorista ao que lle pegaran un tiro.  Ela mete a man no peto e ve que ten un boneco de Famobil dun motorista . Cólleo e lévao con ela . Vai ao xornal para pedirlle ao seu xefe que lle dea a exclusiva do suceso.

Durante esa semana vai sucedendo un asesinato todos os días , e a carón de cada cadáver vai aparecendo un boneco de Famobil coa profesión de cada un dos que eran asasinados. A Marta chéganlle unhas cartas de alguén que é o asasino que lle vai dando pistas sobre os crimes .

Todos os asasinados tiñan algo común , era o seu pasado, eran amigos e cando eran mozos andaban na movida de Vigo, entre drogas. Marta investigou e descubriu que todos estaban relacionados cun suceso dramático do pasado que rematara co suicidio dunha adolescente.

A autora é Elena Gallego Abad, coñecida tamén por ser a autora das novelas de literatura fantástica Dragal. Esta novela gustoume porque a trama non se descubre, quen é o asasino, aínda que a periodista sábeo non ten probas suficientes para descubrir quen é. Este montou tan ben o seus crimes que non encontraban probas para culpalo, pois tiña moi boas coartadas.

Con ocasión do Día do Libro vénseme á memoria unha obra que caeu nas miñas mans haberá tres ou catro anos. Trátase da obra Azules son las horas, de Inés Martín Rodrigo.

A propósito dunha nova viaxe a Polonia, tiven  a oportunidade de visitar unha comunidade de monxes bieitos na provincia de Póznan. Cando nos dispoñiamos a marchar achegouse ata nós un monxe cuasi centeneario que nos falou en castelán da súa avoa, oriunda da Coruña. Meses máis tarde, sen saber moi ben cómo, unha sobriña deste monxe, que residía en Berlín, fíxome chegar por correo postal este libro que narra a vida da avoa do monxe en cuestión: Sofía Casanova, primeira corresponsal de guerra da historia.

Nada máis abrir o libro mencionáronse tres lugares que son moi significativos na miña vida: Praceres (Pontevedra), Culleredo e as Carmelitas da Coruña. Interpreteino como unha especie de sinal a favor do interesante que podería resultar esta lectura… e así foi.

Sofía Casanova pasa os primeiros anos da súa vida en Galicia. Tras ser abandonada por seu pai, Sofía e a súa familia trasládanse a Madrid. Co paso dos anos, convértese nunha interesante e culta muller que chega a frecuentar a corte de Alfonso XII. Nese ambiente, coñece e casa cun polaco que a levará primeiro ata París e, finalmente, ata Polonia, onde se establecen.

A pesar da distancia, nunca deixou de colaborar a través de distintas columnas co periódico ABC, facéndose así testemuño presencial e altavoz dos horrores da Primeira Guerra Mundial en Europa.

Azules son las horas convértese no estribillo que dá sentido ao ton novelesco co que a propia Sofía, xa anciá e case cega, rememora as súas aventuras ao longo deste libro.

                                                                                                                        Santiago Romero

A arte da guerra. Sun Tzu

Este gran libro foi escrito polo xeneral e estratega militar Sun Tzu (mestre Sun) hai arredor de 2.500 anos na antiga China. Nel dá consellos dende o seu punto de vista para resolver e xestionar batallas e así poder gañalas.

Recomendo esta obra de estratexia porque aínda que ten miles de anos e pode parecer desfasada e obsoleta, ten moita relevancia para resolver problemas na actualidade e tamén ten a capacidade de ser aplicado en moitos ámbitos da vida, como por exemplo na área empresarial e de negocios.

É un libro moi fácil de ler e é moi breve. A idea principal desta obra é a importancia de vencer sen loitar e intentando enganar ao inimigo. Para altos cargos militares e políticos foi moi importante para ter éxito coma dirixentes, como por exemplo Napoleón Bonaparte, Nicolás Maquiavelo e Mao Zedong.

O hobbit

O hobbit foi escrito polo autor británico de orixe surafricana J.R.R. Tolkien, creador tamén das  novelas O Señor dos Aneis e O Silmarillion. É coñecido popularmente coma o “pai” da literatura fantástica moderna.

Eu lin este libro porque mo regalaron a raíz de ver as películas, gustoume moito porque é un libro que te engancha, tamén porque xa me gustara moito a película. Recomendo ler este libro porque é moi entretido e vai perfecto para a nosa idade, tamén aprendes a como superarte na vida.

Tristes Armas

Este libro, escrito por Marina Mayoral, foi uns dos que tiven que ler para Lingua Galega. A pesar de ter que lelo obrigado foi un libro que me marcou bastante, xa que trata de dúas rapazas que teñen que marchar a Rusia por culpa da Guerra Civil española. Estas rapazas perden toda a súa infancia e pasan todo o tempo nun país do que non saben nada.

 

Esta novela reflicte á perfección o sufrimento que pode chegar a causar unha guerra ás persoas inocentes. Recomendo ler este libro, xa que é perfecto para estes días nos que podemos chegar a pensar que o mundo se vai acabar.