Con ocasión do Día do Libro vénseme á memoria unha obra que caeu nas miñas mans haberá tres ou catro anos. Trátase da obra Azules son las horas, de Inés Martín Rodrigo.

A propósito dunha nova viaxe a Polonia, tiven  a oportunidade de visitar unha comunidade de monxes bieitos na provincia de Póznan. Cando nos dispoñiamos a marchar achegouse ata nós un monxe cuasi centeneario que nos falou en castelán da súa avoa, oriunda da Coruña. Meses máis tarde, sen saber moi ben cómo, unha sobriña deste monxe, que residía en Berlín, fíxome chegar por correo postal este libro que narra a vida da avoa do monxe en cuestión: Sofía Casanova, primeira corresponsal de guerra da historia.

Nada máis abrir o libro mencionáronse tres lugares que son moi significativos na miña vida: Praceres (Pontevedra), Culleredo e as Carmelitas da Coruña. Interpreteino como unha especie de sinal a favor do interesante que podería resultar esta lectura… e así foi.

Sofía Casanova pasa os primeiros anos da súa vida en Galicia. Tras ser abandonada por seu pai, Sofía e a súa familia trasládanse a Madrid. Co paso dos anos, convértese nunha interesante e culta muller que chega a frecuentar a corte de Alfonso XII. Nese ambiente, coñece e casa cun polaco que a levará primeiro ata París e, finalmente, ata Polonia, onde se establecen.

A pesar da distancia, nunca deixou de colaborar a través de distintas columnas co periódico ABC, facéndose así testemuño presencial e altavoz dos horrores da Primeira Guerra Mundial en Europa.

Azules son las horas convértese no estribillo que dá sentido ao ton novelesco co que a propia Sofía, xa anciá e case cega, rememora as súas aventuras ao longo deste libro.

                                                                                                                        Santiago Romero

Deixa unha resposta