Historia de Galicia.

Historia de Galicia é un gran clásico que non debería faltar en calquera biblioteca galega, pública ou privada. Desde a súa primeira aparición en 1984, como unha síntese histórica do país, Ramón Villares foi ampliando e enriquecendo a súa proposta, ata concretarse nun documentado, rigoroso e ameno relato que achega as claves necesarias non só para entender o pasado propio, senón interpretar o presente e afrontar o futuro.Se o primeiro dos dous tomos abarcaba o longo período comprendido entre a Gallaecia e o Antigo Réxime, a segunda parte comprende un tramo temporal máis breve, pero no que se desenvolveron os acontecementos e correntes que desembocan na Galicia actual. Son catro os capítulos os que abordan estes feitos significativos que van do século XIX ao XXI. Primeiro, o tránsito do Antigo Réxime a outro tipo de sociedade, menos rural e máis industrializada, seguido das ansias de modernización e o nacemento do nacionalismo. A Guerra Civil, o franquismo e a Transición democrática, coa autonomía galega, pechan o tomo, que, do mesmo xeito que no primeiro, analizan con detalle os casos de varias cidades que encarnan algúns dos cambios experimentados polo país: neste volume son A Coruña, Vigo, Ourense e Buenos Aires. A VOZ REDACCIÓN

La Voz de Galicia ofrece a partir deste domingo unha selección de cinco títulos claves para coñecer nun abano de tempo Galicia, España e Europa, para vernos e entendernos mellor. A Historia de Galicia, o gran clásico de Ramón Villares, abriu esta apaixonante viaxe pola nosa historia.

Atlas, de Alba Cid

En tempo de peches perimetrais, non hai como a lectura para superar barreiras e coñecer mundo. Con esta vontade, veño cunha proposta poética que conforma unha viaxe que non coñece fronteiras: Atlas, da poeta ourensá Alba Cid (Ourense,1989), publicado pola Editorial Galaxia no 2019.

A poeta lévanos da man a través do tempo e da xeografía, elaborando unha cartografía propia de aquilo que a ela lle fascina, lle chama a atención. Cada poema parte dunha fascinación singular: a historia dos tulipáns, as pinturas en tea de araña dos monxes dos Alpes tiroleses ou a pesca con corvos mariños no continente asiático son só algúns exemplos deses casus belli que activan a curiosidade da poeta e que a levan á creación poética que nos fai chegar a través deste poemario de diálogos culturais, espazos e territorios que cristalizan nesta cartografía de gran beleza que é Atlas.

A obra de Alba Cid foi recoñecida no pasado mes de outubro co Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández, sendo a segunda obra en galego que consegue este galardón após Celebración (2015) de Gonzalo Hermo.

Alba Cid é poeta e investigadora en poesía contemporánea. Aínda que este é o seu primeiro poemario, ten participado en volumes como Poética da casa (2006) ou No seu despregar (2016), antoloxía poética de Apiario. Na actualidade, como docente, encárgase do John Rutherford Centre for Galician Studies, da Universidade de Oxford.

Para rematar, déixovos cun vídeo onde poidedes escoitar á poeta recitando algúns dos poemas que conforman o seu Atlas.

Espero que vos guste!

Xavier Senín, antigo alumno deste centro, Premio Nacional de Tradución

Hoxe alégranos moito felicitar ao antigo alumno deste centro, Xavier Senín Fernández, gañador do Premio Nacional á Obra dun Tradutor do Ministerio de Cultura y Deporte. O galardón recoñece a calidade e meticulosidade das súas traducións ao galego, que abranguen dende clásicos como ‘O Quixote’ ata libros infantís.

É unha das figuras máis destacadas na tradución ao galego, con máis de cento cincuenta volumes publicados en distintas editoriais, entre eles os populares álbums de Astérix.

E debemos felicitalo, ademais, dobremente xa que a Real Academia Galega nomeouno académico correspondente o pasado mes de outubro. https://i.gal/ENRwj
Tivemos a sorte hai un par de anos de contar coa súa presenza nunha charla na que, ademais de falarnos da súa amiga Mª Victoria Moreno, homenaxeada co Día das Letras Galegas, falounos dos segredos do oficio de tradutor e, en particular, de Astérix.

Estreamos buscador da nosa Biblioteca!

 

Como ben sabedes, a Biblioteca do Seminario está composta por varias salas e corredores distribuídos ao longo do edificio, e conta con preto de 30000 volumes clasificados en distintas materias. Pois no día de hoxe vimos transmitirvos unha boa nova. Xa temos dispoñible o catálogo para a súa consulta dende a web do centro!

E isto… como funciona? Pois dunha forma moi sinxela. A través do seguinte enlace ou introducindo nunha nova xanela do teu navegador a dirección:

https://www.smasuncion.es/repositorio-dixital-biblioteca-seminario-menor-da-asuncion/ Podes visualizar a nosa interface de busca.

Alí atoparás unha táboa, cunha pequena lupa na parte superior dereita que che permitirá realizar a busca por autor, título, área, editorial ou mesmo ano. Ademais, cando realices a busca, visualizarás uns pequenos recunchos de información engadida a través da columna observacións, que nalgúns casos che darán información a maiores sobre ese volume en concreto ou algunha curiosidade.

O difícil é decidirte! A ver agora con que libro te quedas… Cando o teñas decidido recorda poñerte en contacto con nós para realizar o préstamo!

Centenario Nós

 

Hai hoxe 100 anos, o 30 de outubro de 1920, vía a luz en Ourense o 1º número da Revista Nós, publicación pensada pola xeración das Irmandades da Fala con contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político. Nos seus escasos 13 anos de vida converteuse nunha plataforma de creación interxeracional, nela participaron preto de 200 autores dun amplo abano profesional.

Trataba esencialmente dous ámbitos distintos: por un lado o descubrimento da identidade galega, introducindo liñas de investigación novas e contribuíndo á modernización metodolóxica; e por outro lado a presentación das ideas que ían xurdindo en Europa.

O lema da Xeración Nós, e por extensión da revista, era ser “célula de universalidade” e isto traduciuse nunha enorme presenza doutras culturas na revista, especialmente das centroeuropeas e dos epicentros culturais predominantes na época. Podemos atopar nela textos da literatura popular á par de informacións sobre literaturas europeas, textos de autores portugueses ao lado dunha tradución fragmentaria da novela Ulises de James Joyce, a primeira, cabe salientar, en realizarse no Estado español.

No noso centro temos a grande sorte de contar cunha edición facsimilar de todos os números da Revista Nós polo que podemos comprobar non só o valor dos seus contidos senón tamén contemplar o traballo artístico esquisito que Castelao imprimiu en toda a revista, desde a portada aos máis mínimos detalles de cada folla.

Na Semana Cultural do curso pasado, adiantándonos a esta celebración, puidemos gozar dunha exposición elaborada en boa parte polos alumnos de 2 de bacharelato. Se ben o centenario da revista cultural Nós foi o motivo principal, o que se pretendía coa exposición era reflectir o intenso labor cultural que se levou a cabo nesa época en ámbitos diferentes: lingua, ensino, igrexa, arte, literatura, ciencia, cine, política, teatro… 

Recomendamos a visita á exposición “De Nós a nós” na Cidade da Cultura, unha das citas culturais imprescindibles do outono de 2020.

https://www.youtube.com/watch?v=W7qOtw9vv0Y&feature=emb_logo

Día da biblioteca

Cada 24 de outubro conmemórase o Día da Biblioteca en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo, incendiada o 1992 durante o conflito balcánico.

A iniciativa naceu para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana.

Un violonchelista actuando na destruída Biblioteca Nacional de Saraxevo

Curso 2020/21

Despois das vacacións e este inicio de curso tan raro, xentelendo volve a poñerse activo. Meses despois, as palabras máis escoitadas seguen sendo COVID19, coronavirus, restricións, máscara, contaxio….

  Pois ben, imos tentar buscar nos libros outras palabras, outras realidades, aínda que sexan inventadas. Porque ás veces un libro fai que te sintas como na casa… e outras que viaxes polo mundo. Embárcate!

 

 

Os libros non contaxian pero enganchan

Volven as Feiras do Libro, unha oportunidade para mercar libros a bo prezo e interactuar cos autores. A de Santiago xa está en marcha e logo virán outras por toda Galicia . Animádevos, un paseo pola Alameda e mercar un libro, un luxo!

Podedes consultar programas e calendario na seguinte ligazón: https://www.facebook.com/feirasdolibrogalicia/

 

Diálogo literatura-ciencia. Os nenos da varíola

O pasado 12 de maio celebrouse o Día Internacional da Enfermería e, con ese pretexto, os alumnos de 2º e 3º da ESO fixeron un pequeno traballo de investigación co que homenaxear e lembrar o labor do persoal sanitario. E fixérono a través da literatura, tomando como referente a novela Os nenos da varíola, de María Solar, na que se conta un dos feitos máis importantes da historia da medicina: a “Real Expedición Filantrópica da Vacina” de 1803.

O 28 de febreiro deste curso, os dous grupos acudiron ao teatro para ver a adaptación dramática da novela que previamente xa leran algúns deles, os de 3º da ESO. Meses despois, volvemos sobre esta novela porque neste momento de pandemia mundial pode resultar unha ferramenta didáctica útil para entender mellor o que hoxe está pasando.

Apoiándose tanto nos coñecementos extraídos da lectura da novela como de varios artigos da páxina web GCIENCIA, foron descubrindo qué son as vacinas, o porqué do propio nome “vacina”, cal foi a 1ª vacina da historia, como é hoxe en día o proceso para validar unha vacina, como científicos de todo o mundo están traballando para descubrir unha vacina contra o COVID-19, en que punto se atopan esas investigacións en Galicia, etc.

Ao mesmo tempo, coñeceron a historia de dúas mulleres fundamentais na historia da enfermería mundial: Florence Nightingale, inglesa precursora da enfermería profesional moderna, inspiración para o fundador da Cruz Vermella, e Isabel Zendal, a reitora do hospicio da Coruña, e membro da Real Expedición Filantrópica da Vacina, declarada pola OMS a primeira enfermeira da historia en misión internacional.

¡A la mierda la bicicleta!

Elexín este libro escrito por Gonzalo Moure porque me chamou moito a atención o seu título, e seguino lendo xa que me enganchou a relación de Silvestre coa natureza e como se mantivo fiel ás súas conviccións sen importarlle a fama.

A historia de Javier ou Silvestre, que así lle chaman, é a de un xoven que vive en Debesa cos seus pais, os cales se dedican á cría e doma de cabalos.

Silvestre non doma aos cabalos nin aos cans, ensínaos, fai maxia cos animais igual que observaba as aves e as clasificaba.

Un produtor proponlle a Homero Braña, un escritor, amante da natureza facer un programa de televisión e escollen a Silvestre como o protagonista, pola súa lenguaxe sinxela e pura para transmitir o verdadeiro ecoloxismo.

Aínda que todo é una trampa xa que a idea real é a do seu patrocinador, unha marca de coches para lanzar o seu novo todoterreno.

Silvestre está en contra de que estes vehículos invadan os campos e as zonas vírxenes que aun quedan e hai que protexer e o escritor admirado pola forza e conviccions de Silvestre decide non seguir co programa dicíndolle ao productor ”¡A la mierda la bicicleta!”

Este libro lese rápido e é interesante e ten moitos temas dos que falamos e lemos diariamente, como a natureza, o verdadeiro ecoloxismo, a diferenza entre os xóvenes da cidade e os do campo, a España vaciada, a influencia dos medios de comunicación, e sobre todo, ser fiel aos nosos principios, este é un libro moi recomendable.