Non penses nun elefante rosa de Antía Yáñez

Non penses nun elefante rosa é unha novela cun extraordinario sentido do humor que aborda temas como a violencia vicaria, a violencia de xénero e, sobre todo, a saúde mental. Foi escrita pola autora galega Antía Yañez e publicada no 2022.

Se alguén nos pide que pensemos un elefante rosa, automaticamente temos esa imaxe na nosa mente, como se a nosa propia cabeza nos estivera provocando, e decidira pensar en todo aquilo que nos piden que non pensemos. De aquí sae o título Non penses nun elefante rosa, protagonizado por Aurora, unha rapaza aparentemente cunha boa vida, un traballo estable, un novo piso, amigas de verdade e a libertade de saír cando e con quen queira… Pero non todo é o que parece, pois está atrapada no seu trastorno obsesivo compulsivo. Para quen non o saiba, o trastorno obsesivo compulsivo ou TOC é unha afección mental crónica na que a persoa experimenta pensamentos incontrolables e recorrentes que causan ansiedade, ou leva a realizar comportamentos repetitivos para tratar de aliviar ese malestar. Estes rituais interfiren na vida diaria, consumindo tempo e á persoa que o padece.

Resulta que o trastorno de Aurora agravouse a causa da súa ruptura co seu exnoivo e o bloqueo que lle impide que a súa familia e os seus amigos formen parte da súa vida e sexan conscientes da súa situación. Desaparece buscando excusas e realiza eses rituais que lle devolven unha paz instantánea.

O bucle desta milenial rómpese cando Brais, un neno que vive no seu edificio, cólase na súa vida e finalmente no seu corazón. Con el aparecerá tamén a reflexión lóxica en Aurora e, por primeira vez, reducirá a velocidade e será capaz de conter a ansiedade e a frustración, e de poñer a importancia no que realmente importa.

Esta novela axuda a visibilizar as enfermidades mentais, en concreto o TOC. Faino dunha maneira realista, pero desde o respecto e con certo ton humorístico. Resulta que ás veces tan só vemos a enfermidade no lugar de ver á persoa, e outras moitas normalízanse estas situacións ou  trátanse como arrebatos, manías ou rarezas, quitándolles importancia en lugar de empatizar, comprender e axudar a quen o precisa.

Como Brais é un neno inocente non ve a súa enfermidade, senón que ve a unha boa amiga, e sen querelo axúdaa dunha maneira sinceira e tenra. E que Non penses nun elefante rosa axuda a comprender o inferno polo que, por desgracia, pasan as persoas que padecen dunha enfermidade mental.

A mellor maneira de non pensar nese elefante rosa que cada un ten na súa cabeza é falando, distraéndose e facendo cousas con un mesmo. E que mellor maneira hai de facelo que non sexa gozando e saboreando todos os sabores que esta marabillosa lectura nos ofrece? Recomendada para todos, por un lado para entender mellor ás persoas, non só con TOC,  senón a todas as persoas en xeral, pero sobre todo para decatarnos das cousas pequeñas pero fermosas da vida ás que lles quitámos tempo, pensando no elefante rosa ao que  lle damos importancia cando non son ni como nós pensamos. O libro ensínanos unha boa lección, a gozar da vida e a estar en paz connosco, non do tipo de libros de autoaxuda, senón a través dunha tenra historia de amizade. Unha novela de dez. 

Deixa unha resposta