Seguir o rastro dos personaxes de Os nenos da varíola levounos a descubrir, a través de varios artigos de prensa, que en Galicia se están levando a cabo estudos moi importantes sobre a COVID. Por exemplo:
O grupo de Medicina Xenómica, que dirixe o catedrático Ángel Carracedo desde Santiago de Compostela, coordinará desde Galicia unha das meirandes investigacións que se realizará no mundo para abordar a evolución da Covid-19 nos pacientes desde o punto de vista xenético. Intervirán investigadores de Santiago de Compostela, Vigo, Lugo, Santander, Madrid, Bilbao, Valladolid, A Coruña, Segovia, Granada, Barcelona, León, Soria, Burgos, Sevilla, Lleida e Tenerife, así como de varios países de Latinoamérica e Europa como Arxentina, Uruguai, Brasil, México, Colombia ou Reino Unido. ( información extraída de: gciencia.com)
Angel Carracedo é un importante científico galego nacido en Santa Comba. Catedrático de Medicina Legal desde 1989 e Director do Instituto de Medicina Legal da USC (desde 1994 ata 2012). Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (SERGAS-Xunta de Galicia) (desde 1999), Director do Centro Nacional de Genotipado-ISCIII (desde 2002). Xefe de grupo do CIBER de enfermidades raras (CIBERER) e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). O grupo de Medicina Xenómica que coordina consta de 10 grupos de investigación, varias plataformas tecnolóxicas e arredor de 100 persoas.
Ademais, Carracedo é un firme defensor da lingua galega e da necesidade de empregala en todos os ámbitos, incluídos o científico. Neste video cóntanos a súa visión: