Letras Galegas 2020. Ricardo Carvalho Calero

Comeza xa maio, tradicionalmente coñecido como o Mes das Letras. Se a situación fose outra, estariamos planificando actividades destinadas a afondar na figura do homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, o filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero. Aínda que a  Real Academia Galega acordou, ante a situación provocada pola pandemia da COVID-19, trasladar a celebración do domingo 17 de maio ao sábado 31 de outubro, son moitas as voces que están pedindo que se prolongue a homenaxe durante o ano 2021.  Desde logo, a entidade da figura de Carvalho Calero merece unha celebración á súa medida.

De momento, para ir coñecendo un pouco o personaxe, A Real Academia Galega comparte o capítulo do programa cultural A Trabe de Ouro da Televisión de Galicia que o escritor, filólogo e profesor protagonizou no ano 1987. O espazo, conducido por Víctor F. Freixanes, actual presidente da RAG, pode verse, por cortesía da televisión pública autonómica, nesta ligazón da sección de academia.gal dedicada ao autor.

Deixa unha resposta