Diálogo literatura-ciencia. Os nenos da varíola

O pasado 12 de maio celebrouse o Día Internacional da Enfermería e, con ese pretexto, os alumnos de 2º e 3º da ESO fixeron un pequeno traballo de investigación co que homenaxear e lembrar o labor do persoal sanitario. E fixérono a través da literatura, tomando como referente a novela Os nenos da varíola, de María Solar, na que se conta un dos feitos máis importantes da historia da medicina: a “Real Expedición Filantrópica da Vacina” de 1803.

O 28 de febreiro deste curso, os dous grupos acudiron ao teatro para ver a adaptación dramática da novela que previamente xa leran algúns deles, os de 3º da ESO. Meses despois, volvemos sobre esta novela porque neste momento de pandemia mundial pode resultar unha ferramenta didáctica útil para entender mellor o que hoxe está pasando.

Apoiándose tanto nos coñecementos extraídos da lectura da novela como de varios artigos da páxina web GCIENCIA, foron descubrindo qué son as vacinas, o porqué do propio nome “vacina”, cal foi a 1ª vacina da historia, como é hoxe en día o proceso para validar unha vacina, como científicos de todo o mundo están traballando para descubrir unha vacina contra o COVID-19, en que punto se atopan esas investigacións en Galicia, etc.

Ao mesmo tempo, coñeceron a historia de dúas mulleres fundamentais na historia da enfermería mundial: Florence Nightingale, inglesa precursora da enfermería profesional moderna, inspiración para o fundador da Cruz Vermella, e Isabel Zendal, a reitora do hospicio da Coruña, e membro da Real Expedición Filantrópica da Vacina, declarada pola OMS a primeira enfermeira da historia en misión internacional.

Deixa unha resposta