Día Mundial do Teatro. A parábola do angazo

Hoxe, 27 de marzo, celébrase o Día Mundial do Teatro aínda que nós xa comezamos a celebralo unhas semanas antes.

Así, o pasado martes asistimos no teatro Principal á representación da obra A parábola do angazo da compañía Talía Teatro. Unha comedia premiada co María Casares ao mellor texto teatral orixinal, na que a través de diversas situación cotiás, nos convida a unha fonda reflexión sobre a relación que os galegos temos coa nosa lingua. Rimos, e moito, pero tamén marchamos para a casa cun “recado”,  o de mudar a nosa perspectiva sobre determinados prexuízos.

Esta obra vén seguir a estela doutras dúas obras anteriores: Bicos con lingua, pola que Artur Trillo recibiu o María Casares ao mellor actor, e Pelos na lingua, Premio Max 2012 ao mellor texto teatral, entre outros.  Pero sobre todo, máis alá dos premios “académicos”, recibiron o premio maior: foron vistas por un enorme número de espectadores ao longo dos anos.

Esta mañá tivemos a sorte de contar cun dos autores e actores da obra, Artur Trillo, peza clave na historia do teatro galego das últimas décadas. Fundador da compañía Talía, actor de cine e teatro, director durante 25 anos da Mostra de Teatro de Cee e profesor de teatro nunha morea de concellos. Os alumnos de 2º de bacharelato puideron conversar con el sobre varios temas que están traballando na aula: a sociolingüística, a historia recente do teatro galego e, ademais, sobre o propio oficio de actor. Moitas grazas a Artur e a toda a xente do teatro polos bos momentos que nos fan pasar.

Ligazón ao Manifesto galego do Día Mundial do Teatro 2023:

https://aaag.gal/novas/460/manifesto-galego-teatro-2023

 

 

 

 

Deixa unha resposta