Luísa Villalta foi a autora homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas. Cultivou todos os xéneros: narrativa, teatro pero, sobre todo, poesía. Tamén como ensaísta deixou títulos moi interesantes. Precisamente foi o título dun deses ensaios o que escollemos como fío da exposición sobre a súa obra que leva nos nosos corredores desde primeiros de ano: O outro lado da música, a poesía . Neste libro do ano 1999 traza unha orixinal visión da poesía galega desde o punto de vista da relación ancestral desta arte coa música. Nun traballo conxunto entre a materia de Lingua Galega e Música, traballamos varios aspectos das dúas facetas principais da autora.
En Luísa Villalta, música e literatura sempre foron da man. Titulada superior en violino, chegou a formar parte da Orquestra de Santiago e da Xove Orquestra de Galicia, e tamén foi membro do grupo folk Escaino.
A música nunca a abandonou e deixou unha fonda pegada na súa produción literaria dende os seus inicios, con títulos como a obra teatral Concerto para un home só (1989) -a súa primeira publicación- e o seu debut como poeta, Música reservada (1991).