DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E A PAZ

Desde 1964, para recordar a morte de  Gandhi, celébrase o 30 de xaneiro o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, recoñecido pola UNESCO en 1993. Nesta data lémbrase a necesidade da educación para a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz.

Un autor que escribiu moito sobre a guerra e as súas consecuencias foi Celso Emilio Ferreiro. Un exemplo é este poema contra a guerra de Vietnam:

Digo Viet Nam e basta

Digo bomba de fósforo.
Apenas digo nada.

Digo lombriga e larva
de carne podrecida.

Digo nenos de napalm,
terror de noite e selva,
fedor de cidade e cloaca.

Fame, suor, aldraxe,
pugas de aceiro, antropofaxia.

Digo guerra bestial,
tremor de terra, crime, lume, lava,
estoupido, verdugo
e mortandade en masa.
Digo gas abafante.

Apenas digo nada.
Digo yanqui invasor,
depredador de patrias.

Digo plutonio, pentágono,
esterco bursátil, palanca,
Presidente, gadoupa,
chuvia, amargura, baba.

Digo petróleo, ferro,
mineral, trampa,
lobo, caimán, polaris, cóbrega,
miseria, diplomacia.
Digo devastación que USA, usa.

Apenas digo nada.
Digo Viet Nam i está xa dito todo
cunha soia palabra.

Para abranguer a vergonza do mundo,
digo Viet Nam e basta.

Viaxe ao país dos ananos 1968

Deixa unha resposta