Atlas, de Alba Cid

En tempo de peches perimetrais, non hai como a lectura para superar barreiras e coñecer mundo. Con esta vontade, veño cunha proposta poética que conforma unha viaxe que non coñece fronteiras: Atlas, da poeta ourensá Alba Cid (Ourense,1989), publicado pola Editorial Galaxia no 2019.

A poeta lévanos da man a través do tempo e da xeografía, elaborando unha cartografía propia de aquilo que a ela lle fascina, lle chama a atención. Cada poema parte dunha fascinación singular: a historia dos tulipáns, as pinturas en tea de araña dos monxes dos Alpes tiroleses ou a pesca con corvos mariños no continente asiático son só algúns exemplos deses casus belli que activan a curiosidade da poeta e que a levan á creación poética que nos fai chegar a través deste poemario de diálogos culturais, espazos e territorios que cristalizan nesta cartografía de gran beleza que é Atlas.

A obra de Alba Cid foi recoñecida no pasado mes de outubro co Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández, sendo a segunda obra en galego que consegue este galardón após Celebración (2015) de Gonzalo Hermo.

Alba Cid é poeta e investigadora en poesía contemporánea. Aínda que este é o seu primeiro poemario, ten participado en volumes como Poética da casa (2006) ou No seu despregar (2016), antoloxía poética de Apiario. Na actualidade, como docente, encárgase do John Rutherford Centre for Galician Studies, da Universidade de Oxford.

Para rematar, déixovos cun vídeo onde poidedes escoitar á poeta recitando algúns dos poemas que conforman o seu Atlas.

Espero que vos guste!

Deixa unha resposta