Un mundo sen libros?

Un bicho de merda –dispensada sexa a maneira de sinalar- fai acanear a armazón mesma do noso mundo, que tan sólido nos parecía: a saúde, que se perde ou se estraga, os dereitos e a liberdade, que vemos minguados ou recortados, a economía, que debuxa un panorama de preocupación e un futuro incerto… É coma se todo aquel catálogo de predicións que algunha vez lemos neses autores que algúns chamaron apocalípticos, e ás que non lles demos máis valor do que ten unha historia inventada, se fixesen agora realidade e puidesen ir aparecendo unha tras de outra.

E eu, pensando en que no día de hoxe celebramos tamén un dos piares esenciais da nosa civilización, cavilaba se sería posible unha sociedade sen libros. E seguramente que si. De feito, ao longo da historia o libro sempre foi un artefacto problemático: Platón non acababa de ver a utilidade que tiñan unhas follas escritas para transmitir o pensamento, e confiaba máis na memoria e na oralidade; na Idade Media os libros eran valiosísimos obxectos de luxo; os familiares e achegados de don Quixote queiman, no memorable episodio do “Donoso escrutinio”, os volumes que fixeran tolear ao seu amigo; Pepe Carvalho cociñaba os pratos máis exquisitos e delicados ás brasas dos volumes máis prezados da súa biblioteca… Pero os libros arden mal, xa o explicou ben O’Rivas.

Edición
Versión galega de Magdalena Fernández Pérez en Xerais

A historia que quero traer aquí hoxe é a dun mundo sen libros, a que imaxinou o escritor estadounidense Ray Bradbury en Fahrenheit 451. A esa temperatura, 451 ºF, inflámase o papel. E de aí arranca a historia: Guy Montag é un bombeiro que traballa queimando libros nunha sociedade na que están prohibidos. O Estado pensa que ler incita a xente a pensar, ao inconformismo e á rebeldía, e iso non trae outra cousa ca sufrimento, discordia e infelicidade. O Sabuxo Mecánico do Departamento de Incendios vixía permanentemente as avenidas dunha cidade chea de pantallas interactivas e rastrea as rúas polas que circulan cidadáns ocupados unicamente en escoitar as noticias oficiais e unha música insulsa a través duns auriculares que levan inseridos nas orellas. Apoiado por helicópteros e armado cunha xiringa hipodérmica de alta precisión, busca disidentes que agochen libros para aniquilalos. Pero un día Guy Montag coñece a Clarisse, unha rapaza de dezanove anos, rebelde e antisocial, e a historia vira o seu rumbo…

Ray Bradbury

Ray Bradbury, que morreu en 2012, escribiu este libro en 1953. A súa visión profética naceu na era McCarthy, cando a persecución política indiscriminada, os procesos irregulares, a censura e a queima de libros eran unha realidade nos Estados Unidos. Pero, salvadas as distancias, o argumento podería ser de perfecta actualidade… Podería selo?

A historia deu moito de si, e serviulle ao director de cine francés François Truffaut, un dos iniciadores da Nouvelle vague, para rodar en 1966 unha película -a única que fixo en inglés- co mesmo título da novela, da que deixo un enlace ao seu tráiler. E máis recentemente, no ano 2018, a cadea HBO tamén fixo unha adaptación da se pode ver aquí a súa presentación.

J M López Regueiro

Deixa unha resposta