Dicía o escritor italiano Italo Calvino que os libros clásicos eran aqueles que nunca acababan de dicir aquelo que tiñan que dicir e aos que se volvía sempre nunha relectura que, en realidade, acababa sendo unha lectura de descubrimento coma a primeira. Cando os lemos de novos -ás veces sen entendelos moi ben- imos collendo con eles unha experiencia formativa, pois ofrecen modelos, contidos, valores ou termos de comparación que nos van acompañar continuamente ao longo da nosa vida e que seguen actuando moitos anos máis tarde, cando nos parece que xa os tiñamos esquecidos, porque forman parte, en realidade, dos nosos mecanismos de pensamento.
Neste tempo de epidemia, de inquietude e axitación, cómpre a serenidade e a reflexión e parece un bo momento para rescatar da caixa da memoria o que nos ensinaron os libros. Esta vez hai que facelo cunha historia na que a literatura se anticipou á realidade, ou a realidade coincidiu coa literatura: na cidade alxerina de Orán, nos anos corenta do século pasado, esténdese unha pestilencia polas rúas da cidade; as autoridades vacilan, non saben que facer, pero acaban pechando a cidade e deixan aos seus habitantes enfrontados a unha existencia absurda, na soidade absoluta, sometidos á Administración e vítimas de quen manexa e manipula a información.
É a historia que conta Albert Camus en La peste (1947); baséase nuns feitos reais -unha epidemia de cólera- que tiveron lugar no norte de Alxeria na época da colonización francesa a mediados do século XIX e que resultan de perfecta actualidade. Vede este fragmento de exemplo:
«– Naturellement, vous savez ce que c’est, Rieux?
– J’attends le résultat des analyses.
– Moi, je le sais. Et je n’ai pas besoin d’analyses. J’ai fait une partie de ma carrière en Chine, et j’ai vu quelques cas à Paris, il y a une vingtaine d’années. Seulement, on n’a pas osé leur donner un nom, sur le moment… Et puis, comme disait un confrère : “C’est impossible, tout le monde sait qu’elle a disparu de l’Occident.” Oui, tout le monde le savait, sauf les morts. Allons, Rieux, vous savez aussi bien que moi ce que c’est…
– Oui, Castel, dit-il, c’est à peine croyable. Mais il semble bien que ce soit la peste.»
Un narrador neutro presenta a realidade abafante das rúas desertas cun humor corrosivo e existencial, con parábolas e visións enfrontadas dos personaxes que levan ao lector á reflexión sobre a maneira na que o home, como individuo e parte da sociedade, afronta o sufrimento.
É a ocasión de lela ou de relela. No orixinal mellor; pero tamén na excelente tradución de Xavier Senín e Isabel Soto que publicou en 2018 a editorial compostelá Hugin e Munin.