Hai hoxe 100 anos, o 30 de outubro de 1920, vía a luz en Ourense o 1º número da Revista Nós, publicación pensada pola xeración das Irmandades da Fala con contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político. Nos seus escasos 13 anos de vida converteuse nunha plataforma de creación interxeracional, nela participaron preto de 200 autores dun amplo abano profesional.
Trataba esencialmente dous ámbitos distintos: por un lado o descubrimento da identidade galega, introducindo liñas de investigación novas e contribuíndo á modernización metodolóxica; e por outro lado a presentación das ideas que ían xurdindo en Europa.
O lema da Xeración Nós, e por extensión da revista, era ser “célula de universalidade” e isto traduciuse nunha enorme presenza doutras culturas na revista, especialmente das centroeuropeas e dos epicentros culturais predominantes na época. Podemos atopar nela textos da literatura popular á par de informacións sobre literaturas europeas, textos de autores portugueses ao lado dunha tradución fragmentaria da novela Ulises de James Joyce, a primeira, cabe salientar, en realizarse no Estado español.
No noso centro temos a grande sorte de contar cunha edición facsimilar de todos os números da Revista Nós polo que podemos comprobar non só o valor dos seus contidos senón tamén contemplar o traballo artístico esquisito que Castelao imprimiu en toda a revista, desde a portada aos máis mínimos detalles de cada folla.
Na Semana Cultural do curso pasado, adiantándonos a esta celebración, puidemos gozar dunha exposición elaborada en boa parte polos alumnos de 2 de bacharelato. Se ben o centenario da revista cultural Nós foi o motivo principal, o que se pretendía coa exposición era reflectir o intenso labor cultural que se levou a cabo nesa época en ámbitos diferentes: lingua, ensino, igrexa, arte, literatura, ciencia, cine, política, teatro…
Recomendamos a visita á exposición “De Nós a nós” na Cidade da Cultura, unha das citas culturais imprescindibles do outono de 2020.
https://www.youtube.com/watch?v=W7qOtw9vv0Y&feature=emb_logo