Agora que remata o curso lembramos os traballos realizados ao longo destes meses relacionados coa literatura. Con motivo da homenaxe que este ano se lle brindou a Luís Seoane co Día das Artes Galegas, os alumnos de 4º da ESO elaboraron unha exposición investigando nas súas distintas facetas artísticas. O que non esperabamos era atoparnos cunha historia de solidariedade entre o artista e un sacerdote que ademais, de maneira indirecta, ten que ver co noso centro. O texto que segue, que formaba parte da exposición, conta esa historia.
O CRISTO OBREIRO
Estamos ante unha das obras máis emblemáticas do seu autor, non só porque se trata dun magnífico exemplo da súa última época, senón porque ademais é unha obra ateigada de historia e significado. A historia está ligada á dun sacerdote: Manuel Espiña.
Espiña nacera en Folgoso (Cerdedo), nas mesmas fragas que viron medrar a un neno cun compromiso inesquecible para o país: o Padre Sarmiento. Estudou no Seminario de San Martiño Pinario en Santiago, e na Universidade de Comillas (Santander). Cursou despois humanidades e as carreiras de Filosofía e Teoloxía. Alí ordenouse sacerdote en 1959. O seu primeiro destino foi como vicario parroquial en Santa María do Azougue (Betanzos) e despois exerceu de director espiritual no Seminario Menor de Belvís, en Santiago. Alí conseguiu erradicar os castigos aos seminaristas que falaban galego.
Do que máis orgulloso estaba Espiña era do seu compromiso coa lingua e, dos 32 anos de profesor universitario, desde 1965, todos impartidos en galego. Débenselle a el as primeiras traducións ao galego dos Evanxeos e do misal e numerosas publicacións en defensa da lingua e da cultura do noso pobo. Nos anos setenta presidiu as Xornadas Patrióticas Galegas na Arxentina e no Uruguai e funda na Coruña a comunidade de base “Home Novo”. Foi membro do Consello de Redacción da revista Encrucillada durante 30 anos, e colaborador de Irimia e das Romaxes de Crentes Galegos.
Durante anos oficiou a Misa en Galego, radiada desde o Convento das Capuchinas da Coruña, seguida por moita xente non só pola lingua senón polo ton crítico das homilías de Espiña. Unha delas custoulle unha multa de 200.000 pesetas daquel tempo. Funcionou a solidariedade. Luis Seoane regaloulle a pintura “Cristo obreiro” para que a vendese e puidese pagar a multa. Non foi necesario, centos de amigos reuniron os cartos e a obra foi depositada na Fundación Luís Seoane da Coruña.